O Entorno




  
TEMOS NOVA WEB, PREME NO SEGUINTE ENLACE:




Natureza

Reserva da Biosfera Área de Allariz
Os concellos da Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos foron declarados pola UNESCO no ano 2005 Reserva da Biosfera, como mostra de territorios representativos de formas de relación entre o home e o territorio que sexan modelos de conciliación entre o bo uso dos recursos naturais e a súa conservación ao longo do tempo.
Nesta zona predomina o bosque plano caducifolio de zonas mornas con mosaico de prados e canles de auga, e unha longa historia de presenza humana con transición cara a ecosistemas mediterráneos. Na Reserva existen paisaxes sobresaíntes, multitude de sitios arqueolóxicos romanos e prerromanos, con zonas de montañas de baixa altitude arborizadas e humidais (Lagoa de Antela) de grande importancia. Entre a fauna de vertebrados cabe destacar o lobo, a londra, poboacións de aves acuáticas de importancia e un alto índice de formas, sobre todo de anfibios, que constitúen endemismos ibéricos.

Monumento natural Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga)
O nome de Carballa da Rocha fai referencia a un exemplar de carballo (Quercus robur) de notoria singularidade e beleza, o cal será obxecto dunha protección especial polo seu interese científico, histórico-cultural e paisaxístico. A árbore presenta un porte impresionante, cun perímetro a unha altura estándar de 1,30 m de 6,90 m, bifurcándose aos 7 m de altura en dous eixes de grandes dimensións ata alcanzar a extraordinaria altura de 33 m. O seu estado de saúde é excelente, non presenta feridas nin partes deterioradas, nin tampouco síntomas de pragas ou a presenza de ataques fúnxicos foliares.
Cabe destacar a importancia social e histórico-cultural da Carballa da Rocha pola súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración de importantes romarías, e por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares na zona.

Zona de especial protección dos valores naturais Veigas de Ponteliñares
Veigas aluviais con enchoupamentos temporais a carón do río Limia, asolagables cando hai enchentes.
O LIC inclúe unha extensión de case 130 ha de veigas, que supoñen unha parte significativa das aínda existentes ás beiras do Limia, e mais unha pequena fracción das que houbo ata mediados do século XX, cando a política da ditadura de Franco levou consigo a desecación e cavadura de boa parte destes terreos, incluíndo a vasta lagoa de Antela.


Patrimonio cultural

Allariz
O casco histórico de Allariz, recibiu o Premio Europeo de Urbanismo polo proxecto de Recuperación Integral do Conxunto Histórico-Artístico de Allariz e do seu río Arnoia no ano 1994. 

Museo da Limia (Vilar de Santos)
Situado na antiga rectoral do concello, edificio do século XVIII no que se expoñen pezas etnográficas da comarca. 

Congostro  (Rairiz de Veiga)
Aldea etnográfica na que se recuperou unha forxa antiga, unha carpintería, unha casa de labranza, un forno, un muíño e un hórreo. A súa singularidade reside en conservar na mesma aldea diversas airas nas que se realizaba a malla, entre as que destaca a “Aira da Moa” cinguida de hórreos.



Festas de interese

A ubicación estratéxica do Albergue permítenos gozar de festas de grande interese cultural e turístico como a Festa do Boi (Allariz), Festa da Saínza (Rairiz de Veiga), Entroido da Limia,...

Festa do Boi (Allariz)
Festa de interese turístico pola Xunta de Galicia dende o 18 de maio de 2006. A recuperación da Festa do Boi tivo lugar no ano 1983 grazas a iniciativa dun grupo de mozos alaricanos. A tradición conta que os xudeus que habitaban na vila adoitaban expresar o seu rexeitamento da procesión do Santísimo na festividade do Corpus con chanzas e risas, ás que engadían berros e insultos contra os cristiáns. Para rematar con esa falta de respecto, un tal Xan de Arzúa, fidalgo alaricano relixioso, montou no lombo dun boi e cargou contra os xudeus, á vez que os seus criados os acirraban botando sobre eles cinsa e formigas que levaban nuns sacos, conseguindo así que os xudeus presenciaran reverentemente a procesión.

Festa da Saínza (Rairiz de Veiga)
Declarada de interese turístico no ano 2000. Festa de moros e cristiáns. Celébrase a fin de semana anterior ao 24 de setembro. A orixe da festa relacionase cun cura do lugar que tras unha viaxe a Canarias ao salvarse dun gran perigo fixo a promesa de implantar unha festa na súa vila na honra á Virxe da Merced para o que mandou construír unha torre e dende o ano 1840 a romaría celebrase ininterrompidamente.